martes, junio 19, 2012

ACTO DE DENUNCIA PÚBLICA. SERVICIO DE ALMORZOS Á RÚA MÉRCORES 20 ENTRE AS 10 E AS 11 HORAS


COMUNICADO DENUNCIA PÚBLICA DA ASOCIACIÓN LAZOS PRO SOLIDARIEDADE
A Asociación sen ánimo de lucro Lazos Pro Solidariedade- Comité antisida de Ferrol,  formada por persoas afectadas polo VIH  e a Sida, polas drogas, pola exclusión Social  e por profesionáis do ámbito educativo e sociosanitario,  quere  denunciar públicamente a situación que está a atravesar nestes momentos de crise xeneralizada. 
A demanda nos programas que desenvolve a entidade ,  veuse aumentada exponencialmente, ata o punto de estar preto do colapso asistencial. Nos 6 meses que levamos deste ano 2012 ,  a entidade xa leva atendido máis demandas que en todo o pasado 2011.  A día de hoxe,  atendéronse un total de 4.300 demandas no local da entidade. Cabe salientar que nestas demandas non aparecen contabilizadas as realizadas nos programas de rúa, que se avalían e contabilizan a fináis de ano.
Ámbito da exclusión social: Actualmente,  este ámbito , é o que precisa a maior dotación de recursos na nosa entidade,  pola elevada demanda que se nos presenta. A crise actual situou a moitas persoas que noutro tempo non eran usuarios nin destes servizos, nin da entidade, en situación de exclusión social.  Neste contexto de exclusión social, desenvólvense diferentes programas en función do nivel e grao de exclusión que presentan as persoas usuarias. Nos programas que desenvolve a entidade se ofertan servizos e actuacións que cubren necesidades básicas e  se apoia ás persoas usuarias nos procesos de inclusión social e se imparte formación dende unha perspectiva  técnica e de apoio mutuo. Todas estas actuacións se efectúan co fin de articular unha resposta integral,  ás situacións  de exclusión social e de emerxencia social.
Cada día, na nosa entidade,  recíbense e aténdense a máis de 35 persoas nos diferentes programas de Inclusión social. Os Servizos máis utilizados,  son o de almorzo e de reparto de alimentos,  o de vestiario, e o uso de ordenadores e Internet. No que se refire á protección social, as demandas sobre prestacións e de vivenda son as que aparecen no maior número de actuacións. Ao respecto,  cabe salientar que a notificación de desafiuzamentos e/ou de desaloxos de vivenda por impago, son demandas  que nunca antes se nos presentaran na entidade,  e que este tipo de actuacións  non son da nosa competencia,  senón das Administracións  Públicas  para as que non hai unha resposta áxil e eficaz para estas situacións de emerxencia.
Nestes tempos de crise no que nos atopamos, a coordinación  entre as entidades que  traballamos no eido social e as Administracións Públicas,  é,  si cabe, máis importante que nunca. O aproveitamente e optimización dos recursos poden contribuir a aforrar esforzos e custos. O pasado 3 de febreiro, constituíuse o Consello Sectorial de Entidades de Apoio Social, promovido e convocado polo Concello de Ferrol, a través do Excmo Alcalde. D Manuel Rey Varela. Neste Consello sectorial abordouse unha necesidade manifesta: A búsqueda de coordinación e a creación dunha rede social de entidades que traballan, que traballamos neste eido. Despois de esa reunión se nos convocou entidade por entidade para coñecer as características dos programas que desenvolvemos, sin obter resposta algunha dende a devandita data. A nosa entidade insta , ao alcalde  e a Concelleira de Benestar, a que convoquen,  con carácter de urxencia,  o Consello Sectorial de Entidades de Apoio Social. As entidades de apoio social e sobre todo as persoas usuarias destas, merecen unha resposta coordinada e adecuada aos tempos que estamos a vivir. Dende o Concello se nos reduciu un 70% o orzamento con respecto ao ano pasado. A opinión Pública debe saber que esta reducción implica: Que o 60 % das persoas en situación de emerxencia social que acoden a estes servizos, non podrán almorzar, descansar

Ámbito do VIH: A epidemioloxía do VIH, nos indica o camiño hacia onde temos que dirixir os nosos esforzos para frenar a expansión da infección. Actualmente,  sabemos que os homes que teñen sexo con outros homes convertíronse no colectivo onde a curva epidemiolóxica máis está a ascender, seguidos da poboación heterosexual. Polo tanto,  este colectivo necesita unha serie de actuacións Prioritarias  que posibiliten un mellor acceso á prevención e ao diagnóstico precoz. Todo elo, sen descuidar a prevención noutros colectivos vulnerables entre os que tamén se atopa a poboación xeral. 

A nosa entidade é de referencia,  non só na nosa cidade, senon na nosa Comunidade Autónoma. Isto non o dicimos nós, senon que é manifestado abertamente polo persoal técnico da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ,da Xunta de Galicia,  e por cargos da máis alta responsabilidade desa dirección xeral.  Por dar algún dato, a nosa entidade realiza case o 25 % das probas rápidas de VIH que se realizan en Galicia,  foi pioneira en implantar este servizo na nosa comunidade,  no 2010, e pioneira tamén en ofertar as probas rápidas de detección de Hepatite C.  Os dispositivos  para a detección rápida do VIH, son facilitados pola Consellería de Sanidade, máis non se cubre o custo do persoal profesional que a levan a cabo.  Traballamos con tódalas persoas, priorizando aquelas que se atopen en situación de maior vulnerabilidade.

As axudas públicas, que recibe a nosa entidade, tamén se viron diminuidas de forma importante. Exactamente se reduciron un 40 % nos últimos dous anos. Un 22%, no presente ano, e un 18 % no 2011. A todo este recorte, hai que sumarlle  a falta de motivación técnica que se desprende da Resolución de Subvencións da Consellería de Sanidade neste exercizo. A alta participación  de entidades vinculadas  á igrexa que realizarán programas de prevención do VIH, neste ano, obedece, baixo o noso punto de vista,  a unha motivación  ideolóxica, máis que a criterios técnicos e obxectivos e, polo tanto,  non cuestionables. 

A reducción do orzamento destinados a proxectos no ámbito do VIH, implicará que traballadores e traballadoras sexuais terán máis dificultade para o acceso á prevención e ao diagnóstico precoz, Implicará que as zonas onde usuarios de drogas consumen as mesmas, por vía inxectada, estarán desatendidas e a accesibilidade aos métodos preventivos, verase afectada. É dicir, haberá máis persoas afectadas

Medidas de carácter inmediato: Se a entidade non recibe algunha axuda de forma inmediata, verase obrigada a efectuar o despedimento dos 3 profesionales cos que conta contratados. Estes profesionáis, xa adican e sempre adicaron, máis tempo do que lles corresponde pola súa relación contractual coa Asociación. Ë dicir, Tamén son voluntarios. Este despedimento implica directamente o peche de moitos dos servizos que a Asociación ven prestando e,  por extensión, a desatención de milleiros de persoas. Se a situación non muda,  a entidade verase obrigada a pechar a estructura coa que viña funcionando.
Consideramos que un recurso deste tipo ten que contar obrigatoriamente con profesionáis especializados,  que se encarguen da parte técnica do traballo.  

Aforro para a administración: Non é certo que unha entidade das nosas características sexa costosa en términos económicos para a Administración. No ámbito do VIH, previr novas infeccións por VIH e favorecer o diagnóstico precoz e o coidado da Saúde, supón un gran aforro para a Administración. Unha persoa diagnosticada e tratada correctamente supón un aforro Sanitario e Social ao ano,  de 49.120 Dólares, según o estudio “Impacto Socioeconómico do tratamento antirretroviral en persoas con VIH, Teresa Gonzalo e colegas publicado na revista AIDS no 2009.

No que se refire a atención social, se poderían cuantificar os gastos diarios dos almorzos para  40 persoas, o vestuario para 7 ou 8 persoas, o gasto de internet para 20 persoas, o reparto de alimentos para 60 familias,  e o apoio social que reduce as consultas sanitarias, a criminalidade e mellora a calidade de vida das persoas. Pero sobre todo, e o máis importante a resaltar, é o impacto social sobre a comunidade. O económico é simplemente para constatar que o recurso non é caro para as Administracións.

Estos recortes que estamos denunciando hoxe na rúa, véñense a sumar aos producidos nos últimos tempos. As casas de acollida para enfermos de Sida se atopan en perigo de peche, comités antisida galegos pechados polos recortes. O gravamen que se produce sobre a enfermidade no último RDL, de reformas Sanitarias, o copago farmacéutico, a eliminación de prestacións básicas do sistema público de saúde, a denegación de asistencia Sanitaria ao colectivo de persoas inmigrantes,  en situación administrativa irregular, os recortes en educación, as taxas na Xustiza, a eliminación das partidas finalistas destinadas ás comunidades autónomas para a  prevención do VIH, segundo os orzamentos xerais do Estado para o presente 2012, o peche de colectivos de afectados e afectadas  polo VIH con ate 20 anos de historia. E así poderíamos seguir e seguir ate non parar.

Amigos e amigas, estes recortes non responden á crise económica actual, se non a criterios ideolóxicos onde as prioridades non as marcan as necesidades das persoas.  Estes recortes non se convirten nun recorte máis. As persoas afectadas polo VIH, afectadas polas drogas e pola exclusión social, vemos nestes recortes, unha denegación dun dereito fundamental. O dereito á participación en tódolas cuestións que nos afecten. Amigos e amigas, déixenme reproducir unhas frases dun compañeiro activista de Barcelona:
“Un dos feitos máis remarcables na historia do VIH foi  a implicación directa das persoas afectadas na resposta frente á epidemia. A idea de que as experiencias das propias persoas con VIH deberían ser parte fundamental da resposta ao sida foi expresada públicamente por primeira vez en 1983 na ciudade de Denver (Colorado, EE UU), no que se coñece como os ‘Principios de Denver’. Nunha reunión á que acudieron persoas con VIH de California e New York, os asistentes firmaron unha declaración na que se reivindicaba a sabiduría da comunidade fronte á mera imposición das decisións de ‘expertos’. Este documento sentou as bases de movimento cidadán en defensa dos dereitos e o empoderamento das personas con VIH, o que se coñece como activismo social en sida. Estos principios establecen, entre outros aspectos, o dereito das personas con VIH á dignidade, tanto na vida como no momento da morte; o dereito a estar representadas en todoslos foros sobre sida coa mesma credibilidade que o resto de participantes, e o dereito a poder participar en todalas decisiones que afecten á sua vida, saúde e benestar. Juanse Hernández”. Isto non só é atribuible ás persoas con VIH, se non atribuible a tódolos colectivos e persoas. Se pode resumir no carma “NADA SOBRE  MI, SIN MI”. 

Dende a Asociación Lazos Pro Solidariedade-Comité antisida de Ferrol esiximos:

Un compromiso político real das Administracións Local e Autonómica,  dacordo á nosa realidade e  demanda,  e instamos a estas Administracións a que restablezan os orzamentos retirados aos proxectos que desenvolvemos. Do contrario, os sinalaremos coma únicos responsables da paralización dos servizos e actividades na nosa entidade.

Precisamos a vosa colaboración, precisamos da vosa axuda. Moitas grazas 

Nº de conta 2080 5214 94 3040006963 de Novagalicia Banco

 Fotos da acción

 Solicitude  de reunión co Alcalde de Ferrol (rexistro Municipal)

0 comentarios:

Publicar un comentario