lunes, febrero 11, 2013

Manifesto A Atención Primaria fronte á crise



A Atención Primaria  (AP) é sinalada polos expertos como o eixo fundamental do sistema sanitario. Así o recoñece a Ley General de Sanidad (1986). Cando a AP actúa como elemento de coordinación e porta de entrada do sistema é máis doado garantir a equidade e o uso racional dos recursos, así como a integralidade e a continuidade da atención. O avance da AP no Estado veuse freado por tres condicionantes:  o déficit de recursos e a limitación no acceso a probas diagnósticas, a deficiente relación co nivel hospitalario e a introducción de elementos de privatización no sistema, que produciron unha descapitalización do primeiro nivel asistencial.

A medicalización da vida e o uso irracional e excesivo dos recursos asistenciais ten moito que ver co hospitalocentrismo e coa mercantilización da saúde. Así se explica o elevadísimo gasto farmacéutico, a sobreutilización de recursos diagnósticos e a elevada iatroxenia producida polo propio sistema (o 13% dos pacientes son ingresados por efectos adversos das actuacións sanitarias). A perda de protagonismo da AP é provocada por decisión políticas: o recorte do presuposto sanitario afecta con máis intensidade á AP (en Galicia, de 2009 a 2012 a Atención Especializada perdeu 22 millóns; a AP decreceu 188 millóns de euros); ademáis a desaparición das xerencia de AP (absorbidas polos hospitais) e o abandono do Plan de Mellora provocaron un prexuicio evidente deste nivel asistencial. O severo deterioro das condicións laborais está  a xerar un clima de malestar profesional e desmotivación. 

Os actuais responsables sanitarios non cren no sistema público nin confían na AP como centro coordinador do mesmo.  As políticas desenvolvidas polo actual goberno da Xunta, seguindo o camiño iniciado noutras comunidades, van dirixidas a desmantelar e privatizar o sistema público para converter o dereito á saúde nunha mercadoría que permita xerar negocios e actividades lucrativas privadas a expensas dos orzamentos.

Mais se as decisións políticas se adoptasen na procura do beneficio colectivo e do ben común este tempo de crise debería servir para potenciar unha AP orientada á promoción da saúde e á prevención da enfermidade así como a asumir un maior protagonismo no labor asistencial. Se a AP tivera unha dotación adecuada de profesionais, con equipamento axeitado e acceso a probas diagnosticas podería ter unha maior  capacidade resolutiva, o que evitaría a sobreutilización dos servizos de urxencias e a masificación hospitalaria, cun custo moi inferior. 

A alternativa é a Atención Primaria
O gasto sanitario ten aumentado nos últimos anos de xeito notable. Máis dun tercio dos orzamentos das comunidades autónomas vai destinado a sanidade. As administración sanitarias impuxeron medidas para reducir o gasto: recortes salariais e precarización das condicións laboráis, copagamentos diversos que sobrecargan as economías familiares e provocan inequidade, e tamén ensaiaron diversas experiencias de xestión privada: todas estas medidas non conseguiron aforrar diñeiro público pero provocaron efectos moi adversos sobre os sectores da poboación máis desfavorecidos. 

Se queremos buscar a eficiencia hai que apostar pola AP.  O xeito de enfermar hoxe en día é moi diferente ao de hai cincuenta anos. A mellora na expectativa de vida provoca un aumento das patoloxías crónicas e da comorbilidade. O que se precisa non é incrementar a especialización senon procurar profesionais xeralistas con formación e habilidades para o manexo da cronicidade e dos factores familiares, sociais e laborais que afectan ao paciente. Se pretendemos reorientar o sistema sanitario cara o paciente crónico cómpre potenciar a AP, pois é ahí donde se fan actividades de prevención, donde se coñece ao paciente no seu entorno, donde se realiza educación sanitaria e promoción de hábitos saudables e donde se debe centralizar a coordinación da atención sanitaria.

Os profesionais do sistema sanitario público non debemos aceptar o camiño emprendido polos actuais dirixentes, que nos conduce a converter a AP nun apéndice dos hospitais e a actividade sanitaria nunha fonte de negocio privado.  De seguir nesta liña estaremos, en breve plazo,  nunha situación irreversible,  con grave deterioro dos servizos  públicos e das condicións laborais dos profesionais sanitarios.
É chegado o momento de impulsar unha actuación unitaria dos traballadores da sanidade pública para tentar revertir a situación. Por eso propoñemos:

1.       Constituir unha alianza que englobe a todos os traballadores e organizacións da AP de Galicia, para ampliala posteriormente a usuarios e cidadáns.
2.       Propor unha renegociación inmediata do Plan de Mellora de AP para adaptalo á actual situación.
3.       Desenvolver instrumentos e mecanismos que favorezan a participación e implicacións dos profesionais e cidadáns no goberno dos servizos de AP.

Para reconducir a situación actual, que relega a AP a un papel secundario e subsidiario no sistema sanitario, é preciso planificar medidas de movilización, asumidas pola maioría dos profesionais e usuarios, que presionen á Administración para abrir unha negociación sobre estes plantexamentos. O futuro da AP e do sistema sanitario público está nas nosas mans.

Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Juste. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).

Galicia, 7 de febrero de 2013.




Tno contacto 669704177

0 comentarios:

Publicar un comentario